25.5.11

Ás veces nas clases...

... os alumnos teñen intereses matemáticos.

Hoxe, despois de fracasar (one more time) explicando en 1º de E.S.O. como resolver ecuacións de 1º grao con parénteses, un rapaz preguntou que significaba google. Automaticamente lembrou que xa llelo contara hai un par de semanas, así que me preguntou sobre o número exacto que era. Por se alguén non o sabe, é

10^{100}

É dicir, un número que en notación decimal ten un 1 e 100 ceros detrás.
Mentres seguíamos coas ecuacións, o rapaz estivo a escribir o número, cos seus 101 díxitos, unha lenta agonía que polo visto prefería facer antes que aprender a facer as ecuacións. Haiche xente para todo.

E que resultaba interesante do número? Pois a cantos cartos sería equivalente en euros. Tamén se poderíamos mercar New York con eses cartos. Chegados a ese punto tiven que mediar, e de xeito críptico (totalmente voluntario) comentei que se calcula que o número de átomos do Universo é moito menor que o google. Aínda así, varios alumnos seguiron rosmando sobre ter eses cartos en billetes, así que oín como falaban de encher o pavillón do instituto de billetes de 500 €.
Non puiden deixar pasar a ocasión, e comezamos a estimar o volume dese recinto. Entre varias persoas, botando contas a ollo sobre a altura, e sobre as dúas dimensións do chan por incluír unha pista de fútbol-sala.
Pero claro, isto levou polo menos 1 minuto, así que cando aínda non calcularamos o volume, e non falaramos do volume dun billete (o cal é obviamente máis complicado), varios perderon interese sobre o tema e interrumpiron o traballo.


Cando cheguemos a esa unidade teño pensado retomar o cómputo, a ver se daquela podo darlle un formato máis interesante.

0 comentarios:

Publicar un comentario