17.10.09

Ágora





O venres fun ver (por fin) Ágora, esa película da que falan en televisión entre reality show e reality show (e nos descansos nos que deixan de falar de Cristiano Ronaldo). A imaxe da cabeceira é unha pequena homenaxe ao estudo de Hypatia das seccións cónicas.
Non quero facer ningún spoiler para os que non a viron aínda, así que vou ser breve: gustoume, e iso que ía un pouco predisposto para que non me gustase. Gustoume desde o punto de vista narrativo, creo que a complicada situación de Alexandría no século IV da nosa era está ben plasmada, e tamén opino que os actores principais non desmerecen a trama. Nada máis, non hai cousa que máis me anoxe que botar a perder unha historia (sexa unha película, sexa un libro, ou incluso un xogo).
(Algún poderá pensar que como crítico de cine teño menos futuro que Ángel Martín. E estará no certo)

Dito isto, quería amosarvos un xogo que pode arruinar a vosa produtividade, ao máis puro estilo do sudoku ou, noutro ámbito, o Tetris. Chámase Picma, é un clásico das revistas de xogos de lóxica, e lembro ata unha versión Arcade (en concreto na sala de xogos de Área Central de Compostela, arredor de 1996).
Mirade unha captura de pantalla e cóntovos "how it works":




O taboleiro é unha cuadrícula que tedes que encher cos símbolos "Borrón" e "X" que vedes abaixo á esquerda. O número que hai enriba de cada columna indica cantos borróns hai que poñer, e cantos van seguidos. O mesmo sucede co número á esquerda de cada ringleira.
Se isto non chega como explicación, comezo eu este, que é dos máis sinxelos e breves:

  • En primeiro lugar o 5 indica que toda a ringleira está chea de borróns (esta é a pista máis sinxela de todas, xunto coa que indica que hai 0 borróns)
  • O 2 2 indica que hai dous grupos de 2 borróns seguidos. Para colocalos nunha ringleira de 5 ocos só podemos poñelos como amosa a figura de embaixo.



Para seguir non habería máis que completar os grupos de 4 borróns.


Por certo, non trabuquedes este Arcade, con estoutro Arcade.

0 comentarios:

Publicar un comentario