18.11.15

Como esbandallar un bo problema, versión libros de texto


Hoxe atopei un exercicio interesante no libro de texto de SM de 1º de ESO. Isto por si mesmo xa é digno de salientar, pois non é moi habitual atopar nada interesante nun libro de texto de Matemáticas en España, mentres que en libros anglosaxóns si teño atopado problemas enxeñosos e actividades fóra do tradicional.

Pero como amosa a experiencia con libros de texto, algo tiña que virarse: A idea que artellaba o problema era interesante, mais a simple estrutura da actividade escarallou por completo esa idea. Observade:

Considera a suma


$$17+31+14+23+50$$



Que signos haberá que modificar para obter un resultado que estea o máis preto posible de 0?



Interesante, non si? Non hai un algoritmo que dea a solución, non vai quedar máis remedio que argallar cos números un anaco, é posible que un alumno pense que chegou a solución e despois a mellore... Podemos tamén pensar cando é posible obter o 0 (e isto pode levar a discutir a diferenza entre unha condición necesaria e unha suficiente), buscar estratexias para acadar 1 ou -1 se non podemos obter 0... Na miña opinión, un bo problema.

...ata que continúas lendo o libro de texto, e achas que o converteron nunha pregunta de escolla:


  1. 1º, 2º e 4º
  2. 2º, 3º e 4º
  3. 1º, 3º e 4º
  4. 1º, 2º e 3º


Isto provocou que un problema aberto se convertese automaticamente nunha mera comprobación: soamente é necesario botar as contas de cada opción e escoller a que estea máis preto do 0. Por non falar de que o 1º signo pode ser o que hai entre 17 e 31 ou o elíptico previo ao 17. Oportunidade perdida de estimular a resolución de problemas...

0 comentarios:

Publicar un comentario