13.5.17

Un problema distinto


Imaxe obrigada dun puzzle, de xkcd

Na última fonte que engadín en feedly, Puzzle Critic, que coñecín vía Solve my Maths, hai unha chea de problemas interesantes, cun rango de dificultade tan amplo como para incluír desde pequenos puzzles ata retos de olimpíadas nacionais.

Fedellando no arquivo do blogue, atopei este pequeno problema da Olimpíada Surafricana Junior do 2011 que captou a miña atención automaticamente. Espero que vos preste:

Varias persoas esperan en ringleira. Chega unha persoa máis á ringleira. Amosar que sempre é posible colocala na ringleira de tal xeito que o número de homes que lle queden diante coincida co número de mulleres que lle queden detrás.


Resulta interesante observar que o autor de Puzzle Critic e eu resolvemos o problema exactamente do mesmo xeito, mentres que un alumno seu utilizou unha estratexia totalmente distinta. Se queredes ver as solucións, ide á entrada orixinal.

0 comentarios:

Publicar un comentario